RUTA PENA CORNEIRA

Powered by Wikiloc

O sábado 17 de marzo do 2012, nun día un tanto desapracíbel, executamos unha interesantísima proposta de Xosé Manuel polas terras do Ribeiro, culminada coa subida a Pena Corneira. A ruta, de máis de 25 km, levounos polos concellos de Leiro e Boborás e combinou historia, arte, deporte e moita natureza. E todo aquí ao lado ou, coma quen di, na porta da casa.

Logo da xuntanza no mosteiro de San Clodio, reconvertido en hotel-monumento, onde albiscamos as primeiras mostras do bo facer dos canteiros do Avia, subimos en coche a Lebosende para iniciar a camiñada. As pintas da mañá xa avisaban de que non ía ser doado convivir co ceo, así que, entre choviscas e corredorias orballadas, abeirados polo andazo das acacias que van implacabelmente conquistando as ribeiras dos montes e sepultando as aldeas abandonadas, achegámonos ata Pazos de Arenteiro, coa súa rexa pedra nobiliaria ornada de brasón, coa súa magnífica igrexa, co seu pasado esplendoroso e o seu presente recuperador pola puxanza dos bacelos do Ribeiro. A seguir e desde a ponte de Pazos, un paseo pola beira do río ata o Pozo dos Fumes, sempre metidos na fraga do Arenteiro, para regresar ata os restos da ponte da Cruz. E a partir de aí, a costa de tiralledoaire, co agasallo da choiva e algunha que outra perda que nos levaría, vía cruceiro e igrexa románica da aldea de Serantes, ata un ceibo e desacougado xantar entre o conxunto de canastros de Paredes.

O serán enfiámolo coa meta de Pena Corneira, ese maxestoso e ergueito corno de pedra chantado sobre pelouros e que domina o val do Avia. Pero se el ten a sona, conveñamos que o impresionante parque de bolos, penedos, paredes, pías e antolladizas forzas erosivas merece a pena ser visitado, pois non só loce o seu máis xenuíno arte natural de media montaña, senón que aparece adubado cunha cuberta vexetal autóctona e moi protexida que non ten o menor desperdicio. E se por riba lle engadimos a igrexa de santa María de Lamas, o Mirador e a procura do intricado sendeiro da Pena Corneira (alí onde os “bustonianos” quixeron rematar co GPS), a xornada xa tirou a completa. Quedaba o regreso, apurado e entre pingueiras, e logo si, n´A Maquía de Carballiño, unha desas ceas onde entre chanzas e camaradería, paseniñamente, estas batallas se van enchendo de épica.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO