RUTA POLO VAL DO SILENCIO

Sábado 27 e domingo 28 de 2012
Powered by Wikiloc
 
Despois de varios anos de rutas de un día, queriamos probar facendo noite fóra.  A ocasión chegou coa degoxada Ruta do Val do Silencio, aló polo Bierzo, o sábado  27 e domingo 28, xusto no cambio de hora de Outubro. 

Saíndo cedo de Lalín, parando ao pan en Antas e ao café en Ponferrada, despois  de deixar ceibos a Antonio e Francisco, trece expedicionarios penetramos pola intricada estrada que segue o curso do río Oza e, para iniciar a denominada Ruta Circular da Tebaida Berciana, chegamos a Montes de Valdueza (930 m de altitude). Nesta aldea decadente, con ruinoso mosteiro de San Pedro de Montes (s.IX) que non puidemos visitar por estar en longa fase de rehabiliación, collemos camiño de ascenso entre soutos ata chegar ao Castro Rupiano (1.090 m), antigo asentamento ástur e romano coa lenda da Sierpe da que san Fructuoso liberou aos poboadores do val. Entre vizosa vexetación, e seguindo un canal romano que leva auga ás Médulas, cruzamos o agreste regato de Pico Tuerto, ao lado da paraxe das Furnias. Ascenso duro polas abas de Chano Collado e parada de repostaxe co Val do Silencio aos pés. A seguir, sempre cun marco de alta montaña, gozamos da cromática vista de Peñalba de Santiago e arredores, xunto coas impresionantes moles rochosas do Pico Cueto e o Pico da Cruz, os dous por riba dos 2000 metros. Axiña baixamos pola carballeira da Torrecilla e polos prados de San Andrés, pasamos o regato do Silencio e desviámonos para visitar a
concorrida cova de San Genadio, na que o relixioso se recolleu alá polo século X e Manolo Busto se atreveu co agasallo dun apropiado gregoriano. Volvemos sobre os nosos pasos e, despois do regato da Friguera, entramos en Peñalba de Santiago, xa a 1105 m de altitude.

O pobo medieval, con igrexa mozárabe na que San Genadio fundou o mosteiro de Peñalba, mereceu a nosa atención por ser unha excepcional mostra de rehabilitación da arquitectura tradicional, con fachadas en pedra, balcóns de madeira e teitos de lousa, ademais de rúas empedradas e recunchos sen desperdicio e magnificamente recuperados. Pero faltaba a vida de aldea, os rapaces xogando, as angueiras das xentes... Se quitas aos turistas ocasionais que,  coma nós, visitan ou xantan nas súas tascas, o abandono destas marabillas do rural non fai outra que entristecer. 

Pola tarde, xa con présa, tomamos a senda antiga que pasa pola paraxe da  Previsa e as ruínas das cabanas da Ermida dos Currais de San Mateo, para baixar longo e tendido por unha parte de monte arrasada polo lume, ese andazo, ata a Ferraría de Montes do río Oza, hoxe abandonada. E veu a derradeira subida, por un Camiño Real que, entre breixos e carballos e coa impresionante vista de todo o frondoso Val do Silencio, nos levou ata Montes de Valdueza, onde deixaramos os coches. 

Asfriaxes da noite e a cea pasámolas no hostal El Palacio, en Molinaseca, despois
dunha rápida visita e un ledo viño no bar Pepe.


En mañá de domingo fría e solleira: paseo polas rúas da vila, almorzo colectivo, achega e estirada de pernas polos arredores do impresionante castelo Templario de Ponferrada e estrada das Médulas, onde nos agardaban para unha visita guiada á magna explotación aurífera dos romanos. A ruta da Senda das Valiñas (co suplicio das explicacións na xélida sombra) tivo de todo, pero de certo que saímos de alí con máis coñecementos dos que levabamos. Seguramente por iso, xa no miradoiro de Orellán, entendemos que aquela postal de monte raro que divisamos representa algo máis que un simple antollo da natureza.

Apurados e pola estrada vella, entre montes queimados neste mesmo verán, regresamos a Galiza. Cun competente xantar no restaurante “El Buen Vivir” (por aquí somos así) do Barco de Valdeorras rematamos unha xeira diferente que argallou Bea e da que nos queda un bo sabor de boca. Cumprirá recuncar de cando en vez. Ou que?

Lugares de interese:

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO