RUTA POLO COUREL

Sábado 8 de decembro do 2012
 
 
Powered by Wikiloc

O sábado 8 de decembro do 2012, despois de dous aprazamentos polo mal tempo, o que reduciu o grupo á metade dos inicialmente previstos, aló marchamos 12 atrevidos cara a unha zona ignota do Courel escollida por Manolo Busto e que nos levaría polas beiras agrestes do Lor na ruta circular que se incia en Froxán, pasa por Vilar, Valdomir e Vilamor, e regresa á primeira aldea, declarada Ben de Interese Cultural e na que precisamente ese día, entre gaitas a aturuxos, se celebraba a Festa da Pisa da Castaña do Courel. 

Non haberá necesidade de describir a riqueza que esta contorna posúe, amósano a beleza das fotos e ese saibo a natureza en estado puro da que nos impregnamos cantos por alí nos perdemos, porque a ruta inicial, denominada da Vitoreira e que nos levaría de Froxán a Vilar polo outro lado do río, tivo o seu aquel de aventura e confirmación de que non hai mellor recordo que unha boa perda polo lado salvaxe, por moito que, ao cabo, as novas tecnoloxías nos advertisen que o camiño estaba a escasos metros.

 A ruta completa, de 17 km, que xogaba coas subidas e baixadas das ladeiras de vales acougados polo cálido sol do inverno ou entregados aos sombríos rigores da friaxe, constituíu unha magnifica proba de esforzo e, ao tempo, mergullo na vella esencia do país, con regatos e fervenzas que mil corredoiras pretenden atravesar sen saber ben onde darán. Así mesmo, a diversidade da flora, na que colaboran as diferenzas de case mil metros entre os cumes e as zonas baixas da ribeira do Lor, eleva o numero de especies a tesouro botánico, pois alí atopamos faias, bidueiros, carballos, abeleiras, teixos, acivros, érbedos e, incluso, aciñeiras e sobreiras, xunto cunha innomeábel flora menor. Pero quizais sexa a impresión de poderío que provocan os enormes soutos, coas follas do rei castiñeiro no chan e tinguindo a paisaxe desa cor tan especial, o máis rechamante e que deixa pegada na retina.

E logo está, noutra escala e suxeito ao poder do duro medio, o atractivo do tecer humano, que se amosa tanto na arquitectura propia da zona, onde conviven en harmonía pedra, lousa e madeira, como no abandono de sequeiros, castros (como o de Vilar), casas, capelas, pontellas e variadísimas congostras. 

Así a todo, desde un restaurado Froxán, pasando por un Vilar sostido pola  incríbel man do sheriff Xan e un estragado Valdomir, ata un estratéxico e con moito potencial turístico Vilamor, esta achega ao Courel foi, simplemente,  espectacular. E se por riba lle engadimos o ramo da cea na Cantina de Julia, en Salcedo (que lembraremos non só polo suculento xabarín con setas que Chelo, a  xefa, nos preparou, ou polo licor de arandos que nos ofreceu, tamén pola súa afabilidade), a ruta permitiunos gozar doutra inesquecíbel xornada de camaradería que, como non, xustifica aos “bustonianos” no seu afán polo extravío.

 Manolo, NIN SE CHE PASE POLA CABEZA MERCAR UN GPS!!!



VÍDEOS:

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO