RUTA VAL DAS SOMBRAS - CORGA DA FECHA - SERRA DO XURÉS

SÁBADO 22 DE MARZO DE 2013
Powered by Wikiloc

Raúl Hidalgo, CC0, via Wikimedia Commons
O sábado 22 de marzo, aproveitando un relanzo deste cru inverno e con Manolo Busto marcando o paso, perdémonos polas terras raianas da montaña ourensá que tantos tesouros naturais ofrece ao sendeirista e que, de certo, nos ten cativados
 
Despois dun café no Hotel Lusitano, deixando os coches ao lado mesmo do Balneario, os 11 esforzados iniciamos a camiñada con tempo cambiante e empinada costa. E xa desde o inicio, auga, pero polo chan, escorrendo das montañas e a agarimarnos durante toda a xornada. A subida da primeira lomba, despois dun cambio de rumbo, permitiunos gozar da vexetación desa altura intermedia na que inza o érbedo e os recendos anuncian  unha primavera que se resiste a chegar.
A seguir, parada no Santuario da Virxe do Xurés, con espectaculares vistas a vales e montañas, maiormente desde o campanario. Logo, vieiro estreito  entre alvarizas que nos achegou ao impresionante Val das Sombras, alí onde o río Vilameá xoga coas rochas para crear espectaculares pozas e fervenzas e o camiño se empina, retorce e alonga xusto ao cruzar a ponte de Porta Paredes.

Por eses lares, pedra, auga, paisaxe e pasaxe rotundas, ao lado dun río moi vivo e que recolle a auga de multitude de regatos que forman as denominadas corgas. Así, sempre subindo, levados da mao pola vella senda dos mineiros e entre vexetación de monte raso, catamos a soidade dos cumios de Baltar e  Fitoiro, o rumor das fervenzas, o poderío dos penedais e a serena quietude da montaña a facerse amiga do vento. E trala alasada, xantar con viruxe á beira da Mina das Sombras, preto da raia con Portugal, con restos da minería heroica dese volframio que tanto explotaron os alemáns na II Guerra Mundial.

Esquecendo o atallo previsto, pero xa en baixada, volvemos pola virada dunha pista aberta, de andar apurado e fermosas vistas ao Parque Nacional do Xurés. Entre chan brañento, augas ceibas e ledas conversas, procuramos a Cabana do Curro, vello refuxio dos pastores, e confluímos con toda a auga daquel mundo acuático na cachoeira da Corga do río Fecha, impresionante fervenza que se divisa desde a reboronda do camiño de volta. Finalmente, paseo apurado á beira dun Río Caldo que non se deixa domesticar, baño ou escaldada na piscina exterior e cea no Lusitano de Lobios, onde catamos corzo e, como nos anunciaran, tampouco pasamos fame. 


PUNTOS DE INTERESE:

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO