RUTA DOS MOSTEIROS, DO CAMIÑO FRANCÉS DE POIO A VILANOVA, POR ARMENTEIRA E RIBADUMIA, DA PEDRA E DA AUGA E DO “ALBARVIÑO”

Sábado 5 de outubro de 2013

Powered by Wikiloc

A sección ÉRBEDO AROUSA ofreceunos esta gorentosa ruta de sendeirismo.



 

A apócrifa sección delegada coñecida por Érbedo Arousa ten a honra e “incitarvos” a facer unha ruta fácil, que despois do mediodía xa é un simple paseo, que pretende facer un resume abreviado a pé e por diversos medios e circunstancias do que recentemente vén sendo chamada a variante “espiritual”( xa entenderedes ao final da xornada por que ese termo subliñado ) do camiño portugués a Santiago que vai da praza da Peregrina en Pontevedra, afasta do orixinal e empata no porto de Vilanova coa única ruta fluvial Xacobea que se chama Ruta Fluvial Xacobea do mar de Arousa (que vai de Vilanova a Pontecesures a que lle adicaremos máis tempo nalgunha outra ocasión). Esta variante, traída a conto ou inventada para a feira do Turismo, pola política actual reedita o patrón clásico que sempre foi aproveitarse durante séculos das tradicións e crenzas dos pobos, para sacar rendemento económico ou algunha vantaxe. A día de hoxe sabemos que o camiño da fin do mundo é celta, dende logo prerrománico e precristián, os nosos máis remotos devanceiros usaban entre outras cousas para casar- . E que pese aos grandes esforzos de moitos que pretenden darlle base real á lenda de que o mesmo Yaakov Bar-Zebdi - que é como se dicía en Arameo Santiago o fillo de Zebedeo - (na actualidade o arameo só o usamos para xurar cando nos damos un martelazo no xeonllo ou así…) no ano 44 d.C. fose traído por mar nunha longa viaxe polos seus discípulos ata unha pedra no río Sar sita na coruñesa Vila de Iria Flavia ( hoxe Padrón) e dende ali ao campo a Estrela, non é máis que iso, unha lenda (C. Sánchez Albornoz: "En los albores del culto jacobeo", en Compostellanum 16 (1971) pp. 37-71.) que xa era dende moito tempo antes unha necrópole celta e a partir de tal aventurada hipótese construír todo un enxame de dioceses, templos, santuarios, cenobios, hospicios, fondas, camiños e intercambios que configuraron Europa e o camiño de Santiago, con todo feliz feito que nos mantén aos galegos no mapamundi. Aproveitando pois esa “ nova inventio” da variante espiritual, queremos levarvos dende o Mosteiro de San Xoán de Poio ( fundado por San Fructuoso no século VII, que albergou aos Benedictinos e logo aos Mercedarios) foi colexio maior de Teoloxia onde impartiu clase o Padre Feijoo, para logo nun exixente ascenso ao monte Castrove e cunha panorámica impresionante da ría de Pontevedra chegar ata o alto ou curro da Escusa onde pararemos para comer , beber e repoñer forzas, e logo nunha permanente suave baixada , visitando os importantes vestixios que se atopan ao carón do camiño (petróglifo do labirinto do Outeiro do Cribo etc) chegar ao Mosteiro de Armenteira(século XVII) fundado por Ero, cabaleiro da nobreza do rei Alfonso VII, que no seu retiro trouxo catro monxes do Císter, e chegou a ser abade , tivo un “affaire” con un paxaro que foi bastante común nos mosteiros medievais recollido na cantiga 103 de Alfonso X, e despois de séculos de esplendor, foi abandonado en 1.837 coa Desamortización e se arruinou por completo.

Nesas ruínas inspirouse Don Ramón María del Valle Inclán para a súa obra “ Aromas de leyenda” e despois a un fillo de este , Carlos, a fundar unha asociación de amigos de Armenteira que serán quen refagan o edificio onde agora se instalaron as monxas chegadas dende Alloz en Navarra, para restaurar nel a orde do Císter en 1.989. Precisamente a lenda atribúe ás ordes relixiosas asentadas en Galicia ( en concreto a de Cluny) traer ao fértil e cálido val do Salnés as primeiras cepas de albariño,( a realidade demostra que é variedade autóctona) branco viño universal, que foi peza de coleccionista nos anos sesenta, e dende entón se relanzou polos primeiros enólogos que impartiron cursos na agraria e concienciaron á xente da súa valía ata ser un dos caldos máis apreciados do mundo- é case monocultivo na zona e e base primordial da economía e motor actual do desenrolo. Aínda que a festa do Albariño se fai en Cambados, final e capital do Salnés por ser tradicional cabeceira do partido xudicial, ser a desembocadura do río Umia, verdadeira espiña vertebral do Salnés e responsable do seu clima suave, formando un triángulo que parte do vértice nacente en Caldas de Reis e abre en abanico en sentido norte e sur dende os altos de Lobería (Vilanova) ata o de Castrove (Meis e Sanxenxo) tendo o río como eixe central , nós chegaremos por fin baixando pola xa moi coñecida ruta da pedra e da auga ( chea de muíños e especies frondosas ) ata Barrantes (Ribadumia) que é quizais a máis xenuína poboación que vive por e para o viño, tanto o albariño como o tinto que toma o seu nome da vila e que xa é recoñecido por todos. Alí finaliza a nosa aventura, coa cea no mesón Os Castaños, tanto a que faremos a pé como as que fagamos fóra de programa facendo burato para aloxar a cea . Esperamos que vos guste a proposta e máis que ese gusto sexa aínda mais doce á noite cando voltedes para as vosas casas.

Quedades incitados ...

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO