RUTA DA COSTA DA VELA

Powered by Wikiloc

Xa mereciamos costa con vistas de mar e luz baixo verso claro de Bernardino Graña. Tras paso obrigado polo Cruceiro de Hio, magno labor de canteiros, arrimamos a Donón, con Caracola, Castro e Facho desde o que se mira o mar e as ardentías do Atlántico na Península do Morrazo. Logo perdémonos tan sen traza unha e outra vez por atallos soltos entre eucaliptos e mañanciña fresca que nin o GPS lle puña remedio. Así e todo chegamos ata Punta de Couso, coa súa praia recollida e a enseada de recendos piratas e alento heroico de pura ría, para volvermos, algo cansos, iso si, ao chiringo de Donón, onde repuxemos forzas e contamos contos.

A tarde levounos por pista aberta ata a Punta de Cabo Home, co seu teso faro e o fragor da maré abrindo furnas e inspirando poemas fronte ás Illas Cíes. Logo seguimos cara á praia de Melide, onde uns gozaron do frescor da auga e outros do sabor da cervexa e as vistas desde un chiringo para a lembranza. Mesmo houbo tempo para admirar as carreiras de Francisco. Ata que a morna tardiña que pola beira da ría nos achegou ata a praia nudista de Barra foi tinguileando a súa luz entre dunas, piñeirais e videiras esquecidas do seu argalleiro viño. Rematou esta xeira, de máis de 20 km pola Costa da Soavela, no Batel de Cangas, coas parroquias culés e merengues co pescozo revirado pola Supercopa. 

Puntos de interese: Cruceiro e Igrexa de Hío, Facho e castro de Donón, Punta de Couso, mirador de Donón, Cabo Home, Praia de Melide, vila de Cangas.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTAS NA COSTA DA MORTE

RUTA CIRCULAR BAÑOS DE MOLGAS - SANTA EUFEMIA DE AMBÍA