RUTA POR A LIMIA DE XINZO E SARREAUS

Sábado 26 de xaneiro de 2013
Powered by Wikiloc
 
Ruta da Limia (de Xinzo a Sarreaus)
O sábado 26 de xaneiro e por terras da Limia iniciamos a xeira dun ano 13 que promete. Cando menos camaradería. O demais (esforzo deportivo, ledicia, cultura e canto se lle queira achacar a esta actividade) virá pola súa conta e só con procuralo.
Antes de nada, inesperado agasallo na nova xuntanza cos amigos da costa: espléndido día. Ademais, como se a natureza quixese recuperar o que é seu, as interminábeis choivas dos días anteriores fixeron máis interesante a ruta, pois colaboraron en encher de auga a chaira limiá. Gozamos así, durante toda a mañá, da vista dunha parte do que era Lagoa de Antela, a máis grande de Galiza e que fora desecada no franquismo.
Despois dun refrixerio de café e bica, partimos da igrexa románica de Santo Tomé de Morgade, con cruceiro e reitoral con adobíos. En leve subida a outeiros de serra baixa, acadamos axiña o Castro da Cidade, de escaso valor e menos conservación, pero que permitía unha vision xeral de boa parte do percorrido e da mencionada lagoa. A seguir, tal unha tropa ben adestrada, amenizados polo tino da palabra de Manolo Busto, conquistamos a Torre da Pena, un resto da fortificación de vixilancia que fala dun pasado rexo e receoso. E axiña, camiño. Fermoso e solleiro no monte baixo, onde as penas e as caxigueiras nos amparaban, sen por iso agochar, ao lonxe, as neves da serra de San Mamede. E subidas e baixadas polas abas dunha demorada lomba que deixa a Lagoa á esquerda e que, entre chanzas e bo ambiente, nos levaría ata o lugar de Trandeiras. Alí, visita obrigada ao mosteiro do Bo Xesús e ás ruínas dun claustro de estilo manuelino que recende a Portugal.
Xantar nun bar de Cortegada, con estufa escusada e entre grolos e risos. E folgos para unha tarde de alasadas varias. Por un monte xa con moito toxo e carqueixa, pasada por Portela da Quinta e Vilariño, ata caer na afortunada aldea de Couso (ou Couso Galán, na honra do empresario que a rehabilitou), dedicada ao turismo rural. Cubrimos a derradeira tirada para chegar a Sarreaus, capital do concello do mesmo nome, xa coa noite enriba e, ao cabo, 27 km no papo. Remate de festa con cea en Xinzo, onde cadramos, entre fachucos acesos, coa Procesión do Meco no Carnaval da Limia.

Mapa de Domingo Fontán (1845) da primitiva Lagoa de Antela (na actualidade case desecada na súa totalidade). A nosa ruta transcorreu por unha pequena serra que se ve á dereita da antiga lagoa.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO