RUTA DO CANÓN DO RÍO MAO (PARADA DO SIL, OURENSE)

Powered by Wikiloc

En mañanciña de fresca néboa e tras café primeirizo, como manda a norma, de inicio rendemos visita á ponte románica de Vilariño Frío. O nome invita e as palabras ben arrexuntadas sempre axudan ao camiño. Logo, tras deixarmos os coches onda a igrexa e o cruceiro da aldea de Forcas, iniciamos ruta baixando cara á fenda que provoca o río Mao ao pousar as súas augas bravas na mansedume do amo e señor Sil. E non nos quedou por ver a ponte románica de Couceliñas nin as ruínas dos vellos muíños, moito menos os modernos caneiros cheos de auga ou a abandonada fábrica de luz, tampouco a necrópole de San Vítor, coas súas tumbas antropomórficas escavadas na rocha. Pero máis ca nada sentímonos ensumidos por un inusitado fragor, o da esplendorosa natureza que, moi a pesar do estrago que os humanos lle provocamos, este país conserva. Vizosa e de variadísimos verdes, engado.

Xa con día aberto e fogaxe de Ribeira Sacra, xantamos na hospitalaria aldea de San Lourenzo (ai, ese Mencía saboroso ou ese licor café caseiro!). A seguir, guiados polo saber da terra, baixamos entre viñedos ribeiraos e frescas sombras ata dar coas pasadeiras de madeira que asoman ao canón (os Balcóns do Río Mao) e que nos levaron cara á aldea que mira como se xuntan as augas: Barxacova. Con vistas á sonada Ribeira de Amandi do outro lado, a tarde virou a afogo e a costa arriba deveu en folguexante paixón.

Amodiño e bebendo nas fontes, alcanzamos de novo San Lourenzo. Trala pausa, o derradeiro tramo, con sombras e cervexa con voluptuosos calendarios na tasca da Senra, achegounos aos coches. Unha auguiña no lavadoiro de Forcas e a pasear por Castro Caldelas, sen castelo pero coa ledicia no corpo e na cea, tras unha verdadeira descuberta preparada por Manolo Busto.

Comentarios

  1. Lavandas, uces brancas e fucsias,
    xestas e espiños envolven o meu sentido.
    Vellas pontes, congostras, carreiros e camiños,
    vanse abrindo pasiño a pasiño.
    Fervenzas, regatos, fontes e ríos baixan dándose a man ledamente.
    Ribeiras, penedos e canóns que emerxen da nada,
    paralizan a miña mirada.
    En vós o meu indixente ser descansa tranquilo.
    CHORIMA

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO