RUTA ANCARES 2012

Powered by Wikiloc

Abría agosto e, por tradición e devezo, alá nos xuntamos 32 sendeiristas no café da Fonte da Salud para subir aos Ancares. Tocaba o pico Mustallar, con Pepe e Manuel como organizadores tecnoloxizados e contando coa inestimábel colaboración de Manuel Busto na proposta circular e variada. Nunha mañá solleira e acompañados de can cicerone, trala visita á Palloza Museo para aqueles que non recuncaban, comezamos a andar en Piornedo. Así, ensumidos polo verdor dos prados e da natureza máis viva, con cabalos e vacas de mirada estrañada e apuro o xusto, transitamos por campas de augas puras e brañas perpetuas. E axiña, a grande subida. Como para non levala a modo. Ata chegarmos ao agarimoso xantar no mesmo cumio do Mustallar (1924 m.), entre Galiza e o noso País Leonés. Á vista os tesos cumes, a montaña pura, pracer único para os sentidos máis confusos. A segunda parte da ruta perdíase por baixadas ao xeito e paraxes de abas ignotas e fronde salvaxe, con carreiros entre fentos e sombras consoladoras, que paso a paso e con parola ceiba nos foron achegando á aldea de Vilarello de Donís, para rematar entre o son das gaitas e una cervexa fresca no mesmo Piornedo. Pero aínda quedaba ese intre de ramo e leria: a troitada en Navia á beira do río. Se esta foi a cuarta, que ninguén o dubide: non hai quinta mala.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO