RUTA TORRENTES RÍO ULLA E PAMBRE

 
 O sábado 29 de setembro do 2012 congregámonos unha requitropa de trinta e tantos (ao Érbedo engadíuselle esta vez un grupo de amigos doutros lares) para gozar doutra achega ruteira de Xosé Manuel García á beira dos ríos Ulla e o seu afluente, o Pambre, que fenden a zona central dos concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Agolada.

Entre charleta animada e a bo paso, fixemos camiño de mañá á beira do río ata chegar ao cafetiño no balneario Río Pambre, preto da aldea de Sambreixo, para  proseguir coa vista do pazo de Vilamaior e das edificacións fidalgas da comarca da Ulloa. Logo, visita guiada ao impresionante (e deprimente, polo estado do noso patrimonio) castelo de Pambre, con recendos históricos e literarios. Xantar ás súas portas e camiño de sesta entre aldeas decrépitas e montes abertos para dar co esquecido Balneario de Frádegas e o muíño do lado (novas mostras de abandono).

Deixamos para o remate as espectaculares Torrentes de Mácara, un tramo do Ulla cheo de fervenzas, pozas e rápidos onde a creatividade da auga se mestura co esplendor da flora para conxuntar un inigualábel cadro de natureza en estado puro, tan salvaxe e noso.

A seguir, xa en plan levadeiro, cervexa e repouso na casa dos Somoza e visita á aldea de Leboreiro, no camiño de Santiago, con representativa igrexa e ponte. No remate, paseo monumental e cea na casa Garnacha, con ese polbo tan de Melide que completou outra xornada para a lembranza.

Lugares de interese: torrentes de Mácara, balneario de Frádegas, alto Ulla, castelo de Pambre, pazo da Ulloa, Leboreiro (igrexa, ponte.), museo da Terra de Melide e casco vello.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO