RUTA POLA SERRA DE SAN MAMEDE

Powered by Wikiloc


Ruta de San Mamede-A Edreira

O sábado 2 de marzo levamos a cabo unha esixente e espectacular andaina de sendeirismo de altura polo Macizo Central Ourensán, entre as comarcas das terras de Trives (Chandrexa de Queixa) e de Caldelas (Montederramo). Ante as perspectivas de dureza (alta montaña, longa distancia, neve...) só se anotaron 6 participantes. Día, por radiante e fresco, ideal.

Despois dun reconfortante café con bica en Montederramo, a ruta iniciouse con temperaturas moi baixas na cola do encoro de Chandrexa de Queixa, na Ponte de Santa Cruz. Debido ás desfeitas na pista, tivemos que deixar os coches antes do previsto. E aí comezou a aventura, pois paramos un “transporte de gando” e, metidos no seu axitado remolque, superamos ese primeiro tramo de fochancas xeadas ata chegar á Ferraría (vestixio dunha antiga e artesanal industria metalúrxica, hoxe acubillo de gando). A seguir, sen escapatoria nin perda, xa a pé, subida en zigzag das pronunciadas ladeiras ata chegar aos altos da Serra de San Mamede. Alí nos agardaba non só unha neve en pó ou endurecida pola temperatura, o que fixo menos dificultoso e moi agradábel o paseo polos cumios nevados da serra, senón tamén unha insuperábel vista dos vales e das montañas do país co seu curuto branco. O xantar fixémolo intentando tornar a viruxe no abandonado refuxio de montaña, ao lado dun Mirador da Silla da Raíña cativado pola fermosura das paraxes de Rebordechao.

E a partir de aí, sempre en descenso, longo percorrido por un bosque encaixado entre montañas para acadar o mítico e recóndito lugar da Edreira. Situado onde nace o río de Queixa, este pequeno "oasis" no corazón do Macizo Central Ourensán foi outrora inexpugnábel refuxio dos guerrilleiros do franquismo. Alí mesmo, alleos ao mundo e a toda lei, conversamos cun grupo de cazadores que facía a súa festa.

Pero aínda nos quedaba o delicioso e interminábel camiño de volta. Entre regatos fervorosos e agradábel temperatura, gozamos de incribles pasaxes (como a do Malpaso) e fascinantes vistas de corgas que serpean unha e outra vez para superar as elevadas montañas e chegar alí onde só uns poucos privilexiados chegan.

Cansos e apurados, con certos problemas físicos, na beira da noite e despois de pasar de novo pola Ferraría, alcanzamos os coches coa ledicia de ter superado unha das máis duras (35 km na montaña) e fermosas rutas realizadas polo Érbedo e preparada por Xosé Manuel.

Pero aínda había que poñerlle o ramo. Fixémolo nunha pantagruélica cea no Xerardo, a enxebre casa de comidas de Chandrexa de Queixa. Por apoñerlle o que merece a súa vianda: caseira, suculenta e a fartar. A cazola dos callos e do flan dan boa fe diso.

 

INFORMACIÓNS:

 Consellos acerca da ROUPA e MATERIAL


Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO