RUTA AOS FOXOS DO LOBO DE COTOBADE E RÍO ALMOFREI

Sábado, 23 de abril de 2013
Powered by Wikiloc
 
   

O sábado 27 de abril deste inestábel 2013 curamos “a teima” no concello de Cotobade gozando dunha deliciosa achega roteira de Manolo Busto.

Ben durmidos e con ánimo, dada a proximidade, os 7 de Lalín xuntámonos en Cerdedo coa rapaza do Carballiño e no Bar Concha coa gavela de Catoira para, despois de arrimar os coches a Cuspedriños -e catar o seu campo da feira, os pendellos rehabilitados, a ermida do Carme, o curro da rapa das bestas, o cruceiro, o peto de ánimas e a fonte, todo á vez-, iniciar a ruta a pé. Na previsión: 23 quilómetros e cualificada como de dificultade media-baixa.

De inicio, subida, para poder alzar a mirada e, ao lonxe, ver o mar na Ría de Pontevedra. Axiña acadamos o Foxo do Lobo das Brañeiras, perfectamente reconstruído e explicado, o que nos permitiu valorar esa especial relación entre o home e a besta, tan presente na nosa cultura. A seguir, non sen certa dificultade, localizamos o petróglifo das Pías e, entre chorimas e espiños, emboscámonos un chisco por corredoiras sen trazar e co engadido da choiva miúda. Como nos bos tempos, vaia, e para a lembranza.

E así, saltando valos, vadeando regatos, chegamos a Carballedo, capital do Concello de Cotobade, coa zona de muíños reconstruída á beira do río Almofrei. Alí ao lado, posamos para a historia ante o canón dunha fragata que o antollo de calquera (por soster a “lenda do canón de pau”) levou para as terras do interior. Logo, pola ruta do Sabugueiro, con casal e fonte deixada da mao dun deus despistado, con congostras esquecidas e vereas con sabor a vello e lendas para dar e tomar, enganchamos coa Ruta do Foxo do Lobo.
Despois de pasar pola aldea de Arufe (abandonada, pero conservando esa grandeza gasta do rural, por pedra, fontes, hórreos...), xantamos á beira do Almofrei.

Así chegou a tarde. De paseo puro. Ideal. Pola beira dun limpo e sosegado río, catando muíños (dos Pasos), pontellas, camiños de auga e pedra, corredoiras sementadas de folla, aldeas abandonadas e recendos a natureza vizosa e paisaxes primorosos de primavera que devecía por imporse. Iso ata a fermosa Ponte Serrapio. Sesión de fotos e, amodiño, ascenso tripando rexa lousa ata o Foxo do Lobo da Corredoira, en estado puro, entre a fronde e cos enormes muros cubertos de verdello. Deseguido, botámonos ao monte. Pero monte puro, sementado de toxos e amarelecendo ata non dar máis, con brañais, campelos, e unha carballeira (de don Elías) onde, entre cabalos ceibos, collemos folgos para enfrontarnos á toxeira “refinitiva”, a que nos levaría ata o Observatorio Astronómico de Cotobade e a Lagoa do Monte Coirego, xa no cimo. De regreso, expostos ao vento e choiva do norte, camiñada polas alturas gozando das paisaxes e na procura dun Cuspedriños que se fixo de rogar. Tras estarricar, con frío e sol, o remate desta interesantísima e algo rabuñada ruta –na que Manolo Ferreiro estabeleceu un novo récord do mundo en fotografía- aconteceu no Lar de Concha, con churrascada ao canto e canto despois da churrascada.


Outras ligazóns de interese:
Os foxos do lobo
Xornadas sobre o mito do lobo
VÍDEO
VÍDEO
VÍDEO
Foxo do lobo de A Corredoira

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO