RUTA POLAS FRAGAS DA RIBEIRA E LOSTEGAL

Sábado 25 de maio do 2013
Powered by Wikiloc

O sábado 25 de maio do 2013, nunha nova xuntanza cos camaradas da costa, atrevémonos cunha ruta preparada por Xosé M e nunha zona onde o Érbedo aínda non puxera o pé: as Pontes.

Tratábase de patear as terras situadas a cabalo entre os LIC da serra do Xistral e o PN das Fragas do Eume. Todo un achado. Despois do tradicional café en ruta e a xuntanza na área recreativa do Eume, partimos a pé pola beira do mesmo río ata chegar ao encoro da Ribeira, alí onde o sendeiro se fai vizoso e natural, cheo de regatos (rego dos Porcos, do Inferno, do Malvís...) e vereas dignas do mellor sendeirista que se estenden pola denominada Ribeira Vella. Así, sempre coa auga á dereita, afastándonos das enormes chemineas e recortando a beira, fomos facendo camiño ao tempo que subía a temperatura polo Chao do Habanero e entre pasarelas e cordaxes que evitaban as toxeiras e nos metían no fragor do máis salvaxe. O xantar, con chanzas e bota de viño, fixémolo en mesa oficial de área recreativa. E deixamos para a tarde, como para relaxar o corpo entre o frescor das súa sombra e a fogaxe do día, a fermosa fraga de Lostegal, gozosa paraxe da máis enxebre natureza do país. Logo, despois dun lixeiro ascenso, chegou “o bucle” no que partimos o grupo: uns dereitos cara ás Pontes polo PR-G 147, e outros (seguindo as achegas de Vintedouspés e o Club o Caxado) engadiron sete quilómetros máis. E foi aí, sempre en baixada, saltando unha e outra vez un regato ceibo (o rego do campo da Meda), onde descubrimos un pequeno paraíso cheo de fervenzas bravas, carreiros sen trazar e recantos de natureza esplendorosa que se nos ían amosando a cada paso e que se prolongaron ata a mesma ribeira do Eume. Tras superar a área recreativa de Caneiro, atravesar á provincia de Lugo (concello de Muras) e volver pola Vacariza, ascendemos pola fraga da Carballeira ata o cumio do mesmo nome, desde onde gozamos das vistas sobre a vila e o lago das Pontes. Ao cabo, forte descenso e merecido refrixerio.

Cansos pero ledos pola descuberta, ceamos no restaurante A Carballeira de Teixeiro.

As Pontes e o lago: Galicia única, revista digital independiente)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO