RUTA POLA COSTA DE DEXO E LORBÉ (OLEIROS - SADA)

Xoves, 29 de agosto de 2013
Powered by Wikiloc





Ruta pola costa de DEXO e LORBÉ (Concellos de Oleiros e Sada)

Case morría o agosto nese xoves 29 e, como fose, había que ir ao mar. Así que, con costa ceiba e coa Marola no ollo, en mañá solleira e leda, dispuxémonos para unha andaina preparada Manolo Busto coa que despedir como merece o verán.

Iniciamos en Mera: café con vistas á Ría da Coruña en terraza amena e paseo pola beira da fermosa praia, co engado da cidade herculina de fondo. Un sendeiro asfaltado levounos ata o Faro e a pechada Aula do Mar desa localidade, onde Manolo Ferreiro se ocupou de inmortalizar o instante. Axiña, sendeiros entre o arume dos piñeiros para chegar ata a agreste punta do Seixo Branco, con gozosas estampas de barcos de pesca aplicados á faena e a Torre de Hércules na bruma e ao lonxe. Insistindo pola beira do mar
demos axiña coas furnas do Ollo Pequeno, a Galocha e Ollo Grande, unha tras outra, entre os contos do Antonio e a presenza insistente da Marola (e xa se sabe ”O que pasou a Marola, pasou a mar toda”). Logo, por revirados carreiros da antolladiza costa, chegamos ao Porto de Dexo (fermoso recanto, abofé), para seguir adiante na procura dunha praia de Cirro que, entre chanzas e despois de 15 km, se fixo de rogar. Nela, area e
ondas mainas, moi apropiadas para os viciosos do remollo, ademais de bocata, cervexa, café no bar e, incluso, soneca consoladora dos máis afeitos. Xa pola tarde, tranquila camiñada polo interior da península, entre sombras e, como non, co clásico extravío que algúns xa botabamos de menos. Sen présas, chegada á Lagoa de Mera, visita nos coches ao castelo de Santa Cruz de Oleiros e refrixerio ao canto en terraza con gozosa posta de sol. Regreso a Lorbé e cea-enchente na terra do mexillón (por se algún recunca: Restaurante Vila do Couto) coa que rematou unha levadeira xornada que matou ese incerto sarabullo andante que xa inza nos do Érbedo. 



Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO