RUTA GUENDE - FOXO DO LOBO - FONTEFRÍA - AS GRALLEIRAS - SALGUEIRO - POZO DAS OLAS (SERRA DO XURÉS)

SÁBADO 4 de XUÑO de 2016
Powered by Wikiloc
 
 
 

O sábado 4 de xuño de 2016 fomos ao Xurés-Gerês, reserva da biosfera, zona á que acudimos nunha cita anual irrenunciable. Tanto é o seu atractivo inabarcable! Iniciamos o percurso en Guende para avanzar cara o Foxo do Lobo, trampa ancestral para dar caza á alimaña temida. Desde o Foxo pronto se avistou o perfil impoñente do Fontefría. Dura ascensión e conquista dos horizontes desde o cumio. Desde alí, en subida máis calmosa agardábannos as cristas de As Gralleiras, xa na raia con Portugal,  desde onde avistamos Pitões das Júnias e a inmensidade montañeira de Montalegre. As formacións rochosas, esculpidas pacientemente polo teimudo cicel da erosión, espertaron en nós a lóxica admiración nas formas e na desproporcionada magnitude. 
Continuamos camiño en descenso cara a  Salgueiro (aldea abandonada, na que a Xunta de Galicia emprendeu hai tempo unha restauración integral, aínda inacabada. Os edificios restaurados xa precisan unha segunda remoción ). Máis adiante esperábannos as fermosísimas pozas do río Mao (Pozo das Olas). Desde este río, monte a través, pronto arribamos de novo a Guende. A xornada completouse cun baño reparador no SPA termal de Lobios e coa visita ao castelo e aos espigueiros de Lindoso. Cea no restaurante Lindo Verde de Lindoso.
Dezanove quilómetros intensos e esixentes, densos de contido. Historia, etnografía, natureza en estado puro, inmensas panorámicas, montañas elevadas e afastadas do trasfego humano, a rocha espida e convertida en escultura dos ventos. Admirar tanta beleza só ten o custe de adentarse na montaña e percorrela en compañía.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DO CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM

RUTAS NA ZONA DE TREVINCA E O BOLO