Rutas por Asturias: Picu Urriellu e Pico Pienzu

15, 16, 17 DE AGOSTO DE 2024

Neste verán 2024, o Érbedo rutea polas terras asturianas, polas fantásticas paraxes que ofrecen as montañas veciñas. Os días 15, 16 e 17 de agosto, contando coa magnífica organización e guía das amigas e amigos de Saltapraos, desprazámonos aos Picos de Europa e a Serra do Sueve para "conquistar" os Picos Urriellu e Pienzu.

O Urriellu desde o miradoiro Pedro Udaondo. Foto de Berta GS (+ fotos)

Día 1, xoves 15 de agosto.
Encontro en 

Puertas de Cabrales, no aloxamento e lugar das nosas ceas Casa Luisa.
Ruta sinxela de aclimatación desde Puertas de Cabrales ata o miradoiro do Urriellu Pedro Udaondo, situado no pobo de Asiego. Este pobo foi nomeado pobo exemplar de Asturias no ano 2019.

  • Distancia: 5 km (10 ida e volta)
  • 200 metros de desnivel acumulado
  • Percorrido por camiños veciñais e sendas.
  • Duración aprox.: 1h 30 min. (en cada sentido)

 
Ao pé do Naranjo de Bulnes. Foto de JM
 
Día 2, venres 16 de agosto.
  • Distancia: 13,5 km
  • 950 metros de desnivel acumulado
  • Duración aprox.: todo o día

Desprazámonos en taxi 4x4 ata o colado de Pandébano (28 km aprox. pero case 1h de duración porque o percorrido é inicialmente por estrada de montaña pero logo por pista. Unha vez no colado de Pandébano comezamos a camiñar en dirección á veiga do Urriellu, que é como se chama en Asturias ao pico Naranjo de Bulnes. O camiño está moi ben sinalizado e é relativamente cómodo de camiñar, aínda que a pendente é considerable. Pasamos ao principio por malladas, con vacas pacendo, pero paseniñamente a paisaxe faise cada vez máis agreste e as vacas son substituídas por rebezos.
A partir do colado Vallejo xa se pode ver o pico Urriellu pero  aínda cómpre camiñar bastante para chegar. Na veiga hai un refuxio que serve de base para escalar o pico. Desde o refuxio a base da parede hai unha media hora de aproximación, pero permítenos tocar esta mítica parede e ver o comezo de varias das vías de escalada.
A veiga do Urriellu atópase no corazón do macizo central dos Picos de Europa, e desde alí pódese contemplar a grandeza destas montañas.  Despois xa baixamos polo mesmo camiño ata o colado de Pandébano, onde nos recollerán os taxis.

Miguel Sáenz de Santa María. Pico Urriello o Naranjo de Bulnes. CC BY-SA 3.0, vía Wikimedia

Día 3. Sábado 17 de agosto
Subida ao pico 
Pienzu desde o miradoiro do Fito
O pico 
Pienzu é a cota máis alta da Serra do Sueve, cadea de montañas que se atopan a menos de 5 km da liña de costa, cunha altitude de 1.160 m que permite gozar desde a súa cima dunhas vistas espectaculares. É unha das cotas máis altas de toda Europa en relación á súa proximidade ao mar.
É unha ascensión sinxela desde o miradoiro do Fito, hai que salvar 600 m de altitude nun 6 km (12 km ida e volta), pero moi bonita. É un dos cumes emblemáticos de Asturias.
O miradoiro do Fito está a un 50 km de Puertas de Cabrales, pero xa en dirección cara ao oeste, polo que todos nos iriamos achegando xa cara a casa.
Este miradoiro é o punto de inicio e sitúase a unha altitude de 550 metros; desde alí, onde aparcamos os coches, xa se pode gozar dunha vista espectacular.

Wolffoxylady. Miradoiro do Fito. CC BY-SA 4.0, via Wikimedia Commons



Comentarios

Publicacións populares deste blog

RUTA DOS MUÍÑOS E DOS CHOZOS DA LAXE NO SUÍDO (FORNELOS DE MONTES)

RUTAS NA FONSAGRADA

RUTA MATA DA ALBERGARÍA - PÉ DE CABRIL - ENCORO DE VILARINHO DAS FURNAS - PORTELA DO HOMEM